21 de mar. de 2012

GOOD NIGHT MONAMI

CUTAMETRAXE DE ANIMACIÓN DE VIRGINIA CURIÁ E TOMÁS CONDE FEITA A PARTIR DO RELATO DE CASTELAO: 
"UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO DO NORTE". 
Aquí vos deixo unha curta baseada nun relato de Castelao. Como vedes hai un galego ata na lúa!!!!

 






UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO DO NORTE.

" As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo... Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales. O mariñeiro que fala francés e máis o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos, para seren máis amigos. ¡ Quén sabe se despóis de ben borrachos poderán entenderse! E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo comenza a cantar: Lanchiña que vas en vela; levas panos e refaixos para a miña Manoela. O mariñeiro que fala francés, arregala os ol1os, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar: Lanchiña que vas en vela; levas panos e refaixos para a miña Manoela. ¡¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos. O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana bermella escorregaron as bágoas. E dispóis dixo para sí nun laído saudoso: ¡Lanchiña que vas en vela! Tamén o taberneiro era galego."
Castelao, Cousas, 1926

ACTIVIDADES DO TEXTO DE CASTELAO 

1. Explica os significados das seguintes palabras ou expresións: acuguladas,  bafo,  castes pianolas chocas,  perder o sentido, non rexe co seu corpo,  refaixos,  arregala, flamengo,  faciana, escorregaron. 
2. Cal é a profesión dos personaxes deste texto de Castelao? Que idiomas falan? 
3. Por que chora o taberneiro? 
4. En que lugar se desenvolve a acción ? 
Terá algunha importancia o feito de que o autor non o concrete ? 
5. Como é o ambiente das tabernas? 
6. Que significado ten a frase “Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse”?


ACTIVIDADES DA CURTAMETRAXE DE VIRGINIA CURIÁ E TOMÁS CONDE 


1. Que frase di o ladrón de carteiras? Cando ? 
2. Que teñen en común o texto de Castelao e a curta ?


3. Cres que habería o mesmo entendemento entre os personaxes se non foran galegos?
Con que outros textos galegos, que falen da emigración, poderías relacionar este relato?




Actividade tomada e adaptada a partir do blog Camiño Longo

Nenhum comentário:

Postar um comentário